viernes, 29 de mayo de 2026

CONFLICTO LAB

Hoxe o alumnado de 5º de Educación Primaria participou nun obradoiro centrado na resolución de conflitos na aula, da man de Andrea, de Fiada Educación Social.

Durante a sesión, o alumnado achegouse á fórmula da comunicación non violenta a través do xogo, da reflexión compartida e de diferentes ferramentas artísticas, favorecendo a expresión emocional e a empatía. O obradoiro permitiu traballar a cohesión do grupo, aprender a respectar as diferenzas e desenvolver un clima de seguridade, confianza e benestar dentro da aula.

A actividade resultou moi enriquecedora, promovendo estratexias de diálogo, escoita activa e convivencia positiva entre iguais.








jueves, 21 de mayo de 2026

PLAN DIRECTOR

Hoxe tivemos no noso centro a visita de Pablo, membro da Policía Nacional, quen impartiu unha interesante charla enmarcada dentro do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos 2025-2026 para alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria.

Durante a sesión traballáronse aspectos fundamentais relacionados coa prevención dos delitos de odio, a discriminación e violencia, promovendo entre o alumnado valores como o respecto, a igualdade, a empatía e a convivencia positiva.

A actividade resultou moi enriquecedora e permitiu reflexionar sobre a importancia de construír espazos seguros, inclusivos e libres de violencia, tanto dentro como fóra do ámbito escolar.

Agradecemos a Pablo e á Policía Nacional a súa colaboración e implicación nesta labor educativa e preventiva.







martes, 19 de mayo de 2026

BECAS NEAE CURSO 26/27

Ábrese o prazo para soclicitar a BECA NEAE para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo dende hoxe 19 de maio ás 8:00h ata o 10 de setembro as 15:00h de 2026.

 Podedes atopar toda a información nas seguintes ligazóns:

         https://www.boe.es/boe/dias/2026/05/08/pdfs/BOE-B-2026-14562.pdf

         https://www.becaseducacion.gob.es/portada.html

Forma de presentación:

A solicitude deberá ser, en todo caso, telemática* .O programa permitirá descargar un xustificante de que a beca está efectivamente presentada en tempo e forma. 

A solicitude quedará completa se no xustificante de presentación a familia 1) non se atopa en ningún dos casos que figuran na primeira folla e/ou 2) non aparece na última folla que falta algún familiar por asinar.

De atoparse neses casos terán que presentar a documentación complementaria e/ou o xustificante asinado manualmente, nun rexistro público, ben presencial (Xunta de Galicia, Concellos, outros...), ben electrónico (sede electrónica da Xunta empregando o modelo xenérico PR004A con certificado dixital ou chave 365) dirixido a Dirección Territorial da Consellería de Educación de Lugo (Servizo de Apoio aos Servizos Educativos). 

As familias do alumnado solicitante de beca NEAE que vaian empregar gabinete/especialista (reeducación pedagóxica, reeducación da linguaxe ou programa de altas capacidades), unha vez solicitada a beca e descargado o xustificante, deberán levalo ao centro educativo para solicitar o anexo VI e acudir ao gabinete/especialista para, unha vez cuberto o anexo, entregalo no centro que completará a beca cos seus anexos para enviala a unidade de becas.

A ligazón para a tramitación da axuda na sede electrónica é a seguinte:

https://www.educacionfpydeportes.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/general/05/050140/ficha/050140-2026.html

* Só poden facer uso do formulario de solicitude manual aquelas familias nas que ningún dos membros dispoña de NIE con número de soporte. Ese impreso debe ser solicitado á Unidade de Becas unha vez teña transcorrido a metade do prazo de solicitudes 


domingo, 17 de mayo de 2026

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A LGTBIfobia

Con motivo da celebración do Día Internacional contra a LGTBIfobia, o 17 de maio, no noso centro educativo desenvolveuse unha pequena exposición na zona da biblioteca inclusiva, composta por unha selección de contos e álbumes ilustrados adaptados a todas as idades.

A través desta iniciativa pretendeuse visibilizar a diversidade afectivo-sexual, familiar e de identidade de xénero, fomentando valores como o respecto, a empatía, a igualdade e a inclusión desde as primeiras etapas educativas. O alumnado puido achegarse, mediante a lectura e o diálogo, a historias que promoven a convivencia positiva e o recoñecemento da diversidade como un valor enriquecedor da sociedade.

Esta actividade enmárcase dentro do compromiso do centro coa educación inclusiva e coa creación de espazos seguros, respectuosos e libres de discriminación para toda a comunidade educativa.

                                









jueves, 14 de mayo de 2026

CHARLA INFORMATIVA PARA AS FAMILIAS

O próximo luns,18 de maio levarase a cabo na Biblicovas do  noso centro unha charla informativa dirixida ás familias de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, con motivo da nosa participación no programa da Xunta de Galicia “Acordamos Convivir”, na que o noso centro foi un dos 20 seleccionados. Esta iniciativa desenvólvese en colaboración coa Fundación Sergio Villar (entidade externa especializada) e ten como finalidade promover unha convivencia positiva baseada no respecto, o diálogo e a educación emocional.

Realizarase unha sesión de 2,5 horas de duración en horario de tarde co fin de dar a coñecer estas prácticas e os seus efectos positivos.

jueves, 23 de abril de 2026

A RA PIRATA 🐸

Para conmemorar o Día do Libro, fixemos unha adaptación do conto con Pictogramas de "Aprendices Visuales" A ra pirata. Agardamos que o disfrutedes!!!






Feliz día do Libro! 📚




jueves, 5 de marzo de 2026

RECUNCHO TEACHH

Na aula de Audición e Linguaxe utilizamos o recuncho TEACCH, un espazo estruturado con actividades organizadas e apoios visuais que axudan ao alumnado a comprender que deben facer e cando remataron.

Este tipo de organización favorece a autonomía, a atención e a participación do alumnado nas tarefas, dunha forma motivadora, visual e clara.






viernes, 27 de febrero de 2026

“Ser diferente é un plus”

Hoxe o noso alumnado de 6º de Educación Infantil viviu unha experiencia moi especial coa actividade “Ser diferente é un plus”, da man da Asociación Guillem Veiga Iglesias.

A través de contos cheos de sensibilidade, xogos compartidos e momentos de diálogo sincero, as nenas e nenos foron descubrindo algo moi importante: que cada persoa é única, que todas e todos temos algo valioso que achegar e que as diferenzas non nos separan, senón que nos enriquecen.

Falamos de respecto, de empatía, de amizade e de axuda. Poñémonos no lugar do outro, escoitamos con atención e entendemos que cada quen vive, sente e aprende ao seu propio ritmo… e que acompañarnos uns a outros forma parte de convivir e medrar xuntos. Houbo reflexión, pero tamén sorrisos, miradas cómplices e moita participación.

Foi fermoso comprobar como, a estas idades, xa son capaces de comprender que a diversidade é unha riqueza e que un grupo é máis forte cando todas as persoas teñen o seu espazo.

Seguimos sementando, día a día, unha escola inclusiva. Porque aquí cremos firmemente que ser diferente é, sen dúbida, un plus.

Grazas de novo á nosa ANPA! 😍








martes, 27 de enero de 2026

" CUQUITAS POLA DIVERSIDADE"

Nesta actividade, o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria aprendeu a través do xogo que todas as persoas somos diferentes e que esa diversidade nos enriquece e fai o mundo máis fermoso. Falamos de culturas distintas, de costumes e formas de vivir diferentes, e da importancia de respectar, escoitar e valorar a cada persoa tal e como é.

Ao longo da sesión, reflexionamos tamén sobre todo o que podemos aprender uns doutros, entendendo que cada persoa trae consigo unha historia única chea de experiencias, saberes e emocións.

Como parte da actividade, cada neno e nena vestiu a súa propia Mariquita —bonecas e bonecos de papel coñecidos en Cuba como Cuquitas— do xeito que máis lle gustou, expresando a súa creatividade e imaxinación. A través deste xogo simbólico, tomamos conciencia da sorte que temos de vivir nun lugar onde conviven persoas de diferentes países, culturas e historias, que gardan na súa “maleta” vivencias que nos axudan a crecer como comunidade.

Unha experiencia moi enriquecedora que promoveu valores como a diversidade, a convivencia, a empatía e o respecto ❤️

Moitas grazas a FADAS e á Deputación de Lugo por facer posible esta actividade.





lunes, 8 de diciembre de 2025

HORARIOS VISUAIS

Continuamos coa implementación de ferramentas visuais. Pasiño a pasiño imos facendo o noso cole máis visual e inclusivo!!! 👀

Xa están funcionando en todas as aulas os HORARIOS VISUAIS: permiten ao alumnado saber o que van facer en cada momento, como se vai desenrolar a xornada escolar e as sesións ou actividades que quedan por facer, o que facilita a anticipación e comprensión de situacións e aporta tranquilidade a todo o alumnado, xa que "ALGÚNS O NECESITAN PERO TODOS BANEFÍCIANSE".

O alumnado segue a ser parte activa do uso desta ferramenta:

-  Nas aulas de infantil, ao finalizar a asemblea, o encargado ou encargada é o responsable de ir montando o horario poñendo os pictogramas e as fotos do profesorado que incide en cada sesión, nunhas tiras horizontais de velcro. Cando van pasando as sesións vai retirando os pictogramas.





- En primeiro e segundo de Primaria é o mesmo procedemento en tira horizontal con pictogramas pero xa sen as fotos do profesorado. Os encargados do día son os responsables de colocar os horarios e ir retirando os pictogramas.



En terceiro, cuarto, quinto e sexto xa cambia o formato e os colocan en vertical no encerado, ademais van escribindo á beira de cada sesión as actividades que van facer ao longo da mañá.